Vive la Pasión
A Semana Santa de Viveiro está considerada como a mellor de Galicia e do norte de España; Sobresae pola riqueza patrimonial da súa imaxinería e pola súa antigüidade. As súas orixes remóntanse ó século XIII, cando se asentan na vila as ordes mendicantes de franciscanos e dominicos. Estes desenvolven toda unha pedagoxía bíblica cuxo obxectivo era divulgar a paixón de Cristo dunha forma sinxela para facer chegar a súa mensaxe ás xentes do pobo.
As confrarías que se foron constituíndo ó longo dos séculos son as que se encargan de organizar todos os actos. As máis antigas son a Venerable Orde Terceira Franciscana e a Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario, de orixe dominica. Estas dúas foron as responsables dos actos da Semana Santa viveirense durante séculos, ata que en 1944 se funda a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade, formada por industriais e empresarios que deciden, co apoio do sacerdote Rvdo. D. Francisco Fraga Fernández, revitalizar os actos da Semana Santa. Desta nova confraría nacen tres irmandades: a Irmandade do Prendemento, fundada en 1947 para estudantes e empregados; a Irmandade das Sete Palabras, nacida en 1951 co fin de organizar o Sermón das Sete Palabras; e a Irmandade da Santa Cruz, xurdida en 1953 e formada integramente por mulleres. Hoxe en día hai que sumar dúas máis recentes: a Confraría do Nazareno dos de Fóra, formada en 1989 polos viveirenses residentes na diáspora, e a Confraría da Misericordia, fundada en 2006 arredor da veneradísima imaxe do Santísimo Ecce Homo.
A Semana Santa de Viveiro foi declarada de Interés Turístico Nacional no año 1.988 e en abril de 2013 obtivo o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.